Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Posto informático accesible.

PROSPERITY4ALL fomentará a relación entre desenvolvedores e usuarios de tecnoloxía accesible

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 12/01/18 (14:25)
  • Chámase Prosperity4all (P4A) e é a nova aposta da Fundación ONCE e Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade para facer máis fácil o deseño, o desenvolvemento, a adquisición e o uso de produtos e servizos de tecnoloxía accesible
  • Este ambicioso proxecto europeo, que entra na súa fase final, permitirá unha interacción total entre desenvolvedores e usuarios de tecnoloxía accesible
  • Chega a hora da relación entre persoas

 

Felipe ten unha discapacidade visual e necesita un dispositivo que lle lea os subtítulos cando ve a televisión. Non sabe como empezar a buscar este produto porque son moitos os catálogos e webs que tería que consultar ata atopar algo que lle resulte útil. Tampouco ten a seguridade de que, unha vez adquirido, este artigo responda satisfactoriamente ás súas necesidades. Prosperity4all (P4A) pode solucionar estes problemas. Felipe vai poder atopar o que busca nunha soa plataforma accesible e cómoda que reúne a oferta de desenvolvedores de toda Europa. Só ten que introducir unha palabra clave nun buscador e terá diante os tres ou catro produtos que máis se axustan ás súas necesidades. Pero non só iso. Felipe vai estar en contacto permanente co desenvolvedor desa tecnoloxía, mesmo despois de adquirila, vai poder consultar a quen a cree ou a outros usuarios dese mesmo produto calquera dúbida sobre o seu funcionamento, facer suxestións de mellora e axudar a que sexa máis útil e de maior calidade.

O xefe do Departamento de Tecnoloxías Accesibles e I+D da Fundación ONCE, David Zanoletty asegura que P4A vai enterrar o modelo clásico de mercado, no que o creador dunha tecnoloxía desaparece unha vez que o usuario a adquiriu. “Aquí, en cambio, mantense esa liña de conexión entre o desenvolvedor e o usuario e xa se están vendo as vantaxes que isto ten. O consumidor ten información máis práctica, non o clásico manual de usuario”.

Jesica Rivero, coordinadora de I+D en ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, incide nesta idea: “Perséguese ese valor engadido de que un desenvolvedor poida estar en contacto con aquelas persoas que van utilizar o produto, para saber que necesidades van ter, que produtos de apoio van necesitar. Trátase de poñer en contacto dous mundos que normalmente non están en contacto”. Cara á relación entre persoas Prosperity4all non substitúe ao proxecto que lle antecede, Cloud4all, senón que o complementa. De feito, a suma de ambos enmárcase nun conxunto máis amplo: a iniciativa pública inclusiva global GPII.

 

Pero, que é GPII?

É unha gran infraestrutura que vai permitir a calquera usuario en calquera parte do mundo acceder a servizos de tecnoloxía segundo as súas necesidades específicas. "P4A busca involucrar ao usuario no deseño e o desenvolvemento da teconoloxía" Así o explica Zanoletty: “Desde calquera parte do mundo con conexión a Internet, a través dun código que eu introduza ou mediante algún dos meus trazos biométricos como a voz, a pegada dactilar ou o iris, automaticamente ese dispositivo que eu estou a usar configurarase segundo as características que necesito: a letra aumentada, alto contraste, etc.” Esa información, aclara, non está no dispositivo, "ten que estar na internet, nuns servidores que forman parte desa infraestrutura que é GPII, que non é local senón global”.

A coordinadora de I+D en ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade resume o paso que supuxo Prosperity4all respecto de Cloud4all . Se Cloud permite ao usuario, independentemente de onde se atope, identificarse e acceder a un interface de acordo ás súas necesidades e preferencias, o que fai posible Prosperity é a comunicación entre os usuarios finais e os desenvolvedores. “Relación entre persoas: esa é a principal diferenza entre Cloud4All e Prosperity4All”, subliña Rivero, quen matiza que “non só se persegue poñer en contacto usuarios con desenvolvedores, senón tamén con outros usuarios”.

 

O desenvolvedor xa non está só

O novo proxecto non só favorecerá a interacción entre o usuario e o desenvolvedor de tecnoloxía, senón que propiciará a comunicación dos desenvolvedores entre si. Isto resolverá dous problemas fundamentais aos que se enfronta calquera novo desenvolvemento, como testemuña a coordinadora de I+D en ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade: “Estes dous problemas son, en primeiro lugar, saber que quere realmente o usuario e, en segundo lugar, que o tempo para desenvolver ese produto é limitado”. David Zanoletty, xefe do Departamento de Tecnoloxías Accesibles e I+D de Fundación ONCE.

Hai unha zona de Prosperity4all, chamada Developer's Space (Espazo do desenvolvedor) que proporciona ao creador dunha solución tecnolóxica a resposta aos dous problemas, xa que, por unha banda, pono en comunicación co usuario de tal maneira que vai poder coñecer, a través dun sistema de puntuacións (rating), de comentarios ou mesmo de enquisas, se o seu produto vai ter éxito no mercado e, por outra banda, axúdalle a suplir esa falta de tempo porque lle permite integrar no seu desenvolvemento cousas que xa fixeron outros. É posible que ese desenvolvedor estea a crear unha nova aplicación para o móbil e teña que integrar un lector de pantalla cando el non é experto nesa tecnoloxía. Non lle fai falta que a desenvolva partindo de cero. Rivero explícao cunha metáfora: “Pode ir compoñendo un quebracabezas grazas a ter contacto con todos os desenvolvedores que fan as distintas pezas. Isto permite reducir moito os tempos e os custos dun desenvolvemento”. “Hoxe en día, o camiño que se está tomando claramente é o da colaboración”, asegura o xefe de Tecnoloxías Accesibles e I+D da Fundación ONCE. “Ultimamente fálase moito de cocreación, codiseño... todo é ‘co'. Non é simplemente unha moda”, afirma Zanoletty, que explica que esta colaboración non só se dá entre desenvolvedores senón que tamén se debe facer partícipes aos usuarios: “Antes, na fase de análise, os usuarios probaban un produto e daban a súa opinión aos deseñadores, pero iso quedaba curto. Ao usuario non só hai que preguntarlle senón involucralo en deseñar, desenvolver e probar a solución. O usuario debe formar parte do equipo de desenvolvemento”.

Isto, segundo Zanoletty, ten implicacións moi importantes no ámbito da tecnoloxía accesible. “Moitos desenvolvedores non se atreven a meterse no mundo da accesibilidade por descoñecemento ou porque lles parece moi complexo. Se non están moi familiarizados con usuarios que teñen limitacións severas, os seus produtos recibirán moitas críticas”. Por iso, continúa este directivo da Fundación ONCE, “crear un espazo que facilita a novos desenvolvedores incorporarse a este campo é o que aquí se busca, ademais de poder contactar entre os propios desenvolvedores de maneira que lles permita intercambiar experiencias. É darlle un empuxón en moitos aspectos”

 

Onde a tecnoloxía non chega

No primeiro exemplo que puxemos, Felipe buscaba un produto de apoio a través de Prosperity4all. Para iso, accedía a unha zona que se chama Unified List and Market Place. Alí atopaba comodamente os produtos que mellor se adecuaban ás súas necesidades. Zanoletty explica que a lista unificada de P4A pretende ser unha solución ao problema da oferta de tecnoloxía accesible que é demasiado ampla e dispersa: “A produción de tecnoloxía agora mesmo é enorme e costa moito coñecer que é o último que se está creando, xa sexa en tecnoloxía da fala, en recoñecemento de voz, en visión artificial, etc. Isto vai bastante rápido e costa moito estar ao”día . O usuario tamén ten á súa disposición outro espazo, denominado Assistance On Demand, pensado para que o usuario reciba asistencia ou asesoramento dos equipos de desenvolvemento, que son os que coñecen máis en profundidade o produto ou o servizo que crearon. Pero tamén permite a colaboración entre consumidores, porque xeralmente un usuario aprende máis vendo como outra persoa utiliza un produto que lendo as especificacións técnicas. Rivero pon un exemplo: “Hai unha aplicación para móbil que permite ao usuario obter unha descrición dun obxecto ao enfocalo coa cámara do seu teléfono. Se, utilizando esa tecnoloxía, o dispositivo non logra recoñecer ese obxecto, o usuario será conectado automaticamente cunha persoa que pode ver esa imaxe e facer esa descrición”.

 

A Fundación ONCE e ILUNION, socios clave do proxecto

Prosperity4all, proxecto de investigación financiado pola Comisión Europea, apóiase nunha alianza de 23 socios europeos e un canadense. Os tres participantes españois neste consorcio son a Fundación ONCE, ILUNION e o Consorcio Fernando dos Ríos. A este consorcio sumáronse departamentos de investigación de distintas universidades, desenvolvedores e outras entidades que achegan o seu traballo ou o seu know how. Esta heteroxeneidade non é casual senón que é idónea para cubrir todos os aspectos dun proxecto tan inxente.

O papel da Fundación ONCE en Prosperity4all é fundamental. A súa principal tarefa é recrutar usuarios con discapacidade cunha variedade de perfís o máis ampla posible para testar a fondo a accesibilidade e o correcto funcionamento de todos os compoñentes do proxecto. A outra labor da fundación é dar a coñecer esta nova aposta tecnolóxica, como indica o xefe do Departamento de Tecnoloxías Accesibles e I+D, David Zanoletty: “A difusión non debe ir orientada soamente aos desenvolvedores senón tamén aos consumidores destes produtos. Como temos conexión con outras entidades do mundo da discapacidade, somos claves para dar a coñecer o proxecto”.

Pola súa banda, ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade participa con dous departamentos distintos. O de Estudos Sociais ocúpase de realizar os pilotos con usuarios, incluíndo cuantificación, análise dos datos recollidos e conversión en propostas accionables para que os desenvolvedores cambien o seu software. Mentres que o Departamento de I+D realizou compoñentes como o de rating, que serve para facer a valoración de cada produto, así como unha ferramenta accesible para facer enquisas. "Esta é a única ferramenta do mercado que é accesible tanto para o que fai a enquisa como para o que a responde”, subliña Jesica Rivero, coordinadora de I+D.

Acceso á noticia na web da ONCE.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a
Galicia