Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Man sostendo un smartphone.

Ter un contacto 'AA' na axenda xa non serve en caso de emerxencia, pero existen outras opcións

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 20/10/17 (12:29)

Hai algúns anos, concretamente en 2009, Cruz Vermella lanzou unha campaña cuxo obxectivo era facilitar aos servizos de emerxencia o acceso aos contactos do noso móbil en caso de atoparnos imposibilitados. A campaña, denominada "Avisar a" (Aa), recomendaba aos cidadáns engadir as letras "Aa" diante do nome do contacto que quixesen fose avisado en caso de emerxencia.

A iniciativa estaba moi ben fai oito anos, pero ¿que pasa agora? Claramente hoxe en día acceder ao caderno de direccións dun teléfono non é tan sinxelo pois, nun momento no que os teléfonos móbiles pasaron a ser un apéndice do noso corpo, a gran maioría dos usuarios protexen a súa intimidade con patróns e contrasinais. Aínda así, todos os sistemas operativos permiten asignar contactos de emerxencia aos que acceder sen necesidade de desbloquear o teléfono.

 

Como configurar contactos de emerxencia en iOS

Desafortunadamente esta opción é bastante descoñecida a día de hoxe, a pesar de que activala é moi sinxela. No caso dos dispositivos Apple, atópase dispoñible desde iOS 8 e para configurala debemos acceder desde a aplicación nativa "saúde". Dentro dela dirixímonos aos apartado "datos médicos", sinalado cun asterisco na parte inferior dereita.

Facemos scroll neste apartado ata atoparnos con "Contactos de emerxencia", seleccionamos "engadir contacto de emerxencia" e a aplicación abrirá a nosa axenda de contactos. Agora soamente temos que seleccionar o noso contacto, elixir o parentesco que temos con el e gardar.

¿Como se accede a estes contactos de emerxencia? Desde a propia pantalla bloqueada do terminal. Nela atopamos a opción SOS que, ademais de permitirnos realizar chamadas de emerxencia, sérvenos como aloxamento dos nosos datos médicos. Isto significa que ademais dos contactos de emerxencia, podemos engadir o noso grupo sanguíneo, posibles alerxias ou se somos ou non doantes de órganos.

 

Como configurar contactos de emerxencia en Android

No caso de Android, as versións anteriores a Android 7.0, non contan con esta opción de contactos de emerxencia, pero existe unha alternativa para liquidar este inconveniente. Accedendo a través de Axustes > Pantalla de Bloqueo > Seguridade > Información do propietario, engadiremos aquí o teléfono da persoa á que queremos que contacten e o seu número mostrarase sempre na pantalla bloqueada.

Hai que ter en conta que os comandos anteriores varían ás veces en función da capa de personalización que teña o noso dispositivo segundo o seu fabricante. Afortunadamente, Android xa conta cunha opción de seguridade similar á de iOS dispoñible na súa última versión, Android Nougat. Neste caso será tan simple como acceder a través de Axustes > Usuarios > Información de emerxencia > Contactos > Engadir contacto.

 

A seguridade é o primeiro

Aínda que vivimos nun mundo onde estamos constantemente expostos e a privacidade é primordial, non debemos deixar ao carón a seguridade. É probable que moita xente aínda non coñeza estes axustes de seguridade, por iso convidámosvos a que compartades este artigo entre os vosos contactos, polo seu ben e o de todos.

 

Tema: Xeral
Fonte: Xataka
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal