Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación do informe sobre envellecemento activo.

ABANCA e USC salientan as vantaxes das TIC no envellecemento activo

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 11/10/17 (11:29)

Afundación (ABANCA) e a Universidade de Santiago (Grupo USC-PSICOM) presentaron hoxe un informe sobre envellecemento activo e as metodoloxías futuras máis axeitadas para alentalo e para afrontar con saúde e calidade de vida un fenómeno demográfico (o envellecemento da nosa poboación) que irá a máis nos anos vindeiros (en 2031 o 39% dos galegos terá máis de 60 anos). O informe conclúe que as persoas que participan nos programas de envellecemento activo, cuxa base está constituída en boa medida polo uso das TIC, mostran “niveis significativamente mellores”, tanto na saúde global, como na participación e a contribución social en relación a outras persoas da mesma idade, igualmente autónomas e independentes, pero que non participan en actividades. 

O estudo realizouse grazas a unha nova ferramenta deseñada pola Universidade de Santiago, o Índice Persoal de Envellecemento Activo (IPEA USC), en palabras da institución académica compostelá “a primeira no mundo que permite avaliar e cuantificar o nivel de envellecemento activo particular de cada individuo”. Con este recurso o equipo de traballo da USC fixo 391 entrevistas a persoas maiores de 55 anos divididas en dous grupos: socios que acoden a programas de envellecemento activo e persoas que non participan en ningún tipo de actividades destas características. Para avaliar o impacto tivéronse en conta as dúas dimensións que constitúen o envellecemento activo a nivel persoal, a participación global (que se refire ao emprego, a participación social, a formación continua, o uso das novas tecnoloxías da información e o lecer) e a saúde integral (que inclúe a saúde física, funcional, cognitiva, o estado afectivo e o estado social). A conclusión é que os participantes nestes programas teñen un nivel de envellecemento activo elevado, de 0,71 sobre 1, dez puntos máis que os que non participan, o que, en palabras da USC e ABANCA, “probaría a súa eficacia”. 

No estudo dise ademais que “en xeral, as persoas que realizan actividades deseñadas especialmente para promover un envellecemento activo teñen un estado de saúde que supera en 6 puntos os que non seguen estes programas”. En termos concretos, teñen menos doenzas e síntomas físicos, maior satisfacción co seu estado de saúde, mellor funcionamento cognitivo e están máis activos dende o punto de vista mental.

Na investigación, respecto da participación global dos maiores, a diferenza nos índices elévase até 14 puntos como media. Así, sinálase, os usuarios destes programas “participan máis na sociedade e xeran máis contribución social, usan máis frecuentemente as TIC e gozan dun lecer máis variado e estimulante”. 

Partindo destes resultados, sinalou na presentación dos mesmos Sabela Couceiro, coordinadora de Envellecemento Activo de Afundación, “extraéronse unha serie de recomendacións para reforzar os aspectos máis febles do programa e, desa maneira, favorecer un envellecemento activo de maneira máis integral”. Algunhas propostas son: “Incluír estratexias para xestionar as emocións e favorecer estados de ánimo positivos, levar a cabo accións que favorezan a participación e a contribución social e incidir nas actividades que contribúen a aumentar a autonomía, a autoaceptación, o crecemento persoal e a visión máis positiva da vellez”.

Couceiro tamén recordou que a Afundación dispón dunha rede propia de 11 espazos, situados nas sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Betanzos, Monforte, Pontedeume e Viveiro). Os centros, que contan na actualidade con máis de 12.000 persoas socias, foron concibidos “como espazos destinados a conseguir que a etapa vital que iniciamos coa xubilación siga ofrecéndonos oportunidades de medrarmos persoalmente e de continuar formándonos”. Con este obxectivo, ofrécese unha programación que abrangue “diferentes dimensións do envellecemento activo”, con diversidade de propostas que se estruturan en cinco bloques: hábitos saudables, cultura e expresión artística, formación e coñecemento, novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e lecer activo.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal