Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
‘Avós e Avoas educadores'.

Cruz Vermella crea máis grupos de ‘Avós e Avoas educadores'

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 11/10/17 (11:50)

Ante o incremento da demanda para participar, a Cruz Vermella aumentou o número de grupos do proxecto ‘Avós e avoas educadores'. Unha iniciativa creada pola oenegué na que explican que, “as persoas maiores xogan un papel clave en moitas familias pois cumpren unha función educadora e de coidado dos netos”. De feito, engaden, “sen o seu apoio, en moitas familias, non sería posible a conciliación”. Ante este fenómeno Cruz Vermella puxo en marcha este plan de apoio e de utilidade, tanto para os propios avós e avoas, como para os pais, en canto a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

O proxecto, inaugurado no outono de 2016, conta coa colaboración da Consellería de Política Social. O seu obxectivo é “ofrecer soporte social ás persoas maiores que exercen labores parentais” explican en Cruz Vermella, “desenvolvendo unha acción preventiva fronte á tensión que leva a crianza e coidado de nenos”.

Na súa primeira edición constituíronse 18 grupos con 210 participantes e na segunda, a previsión é formar 34, con 160 participantes máis, na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. A entidade está a organizar os novos grupos polo que insta ás persoas interesadas a solicitar máis información nas súas sedes.

 

Metodoloxía

Outra das finalidades do plan é proporcionar información e recursos ás persoas maiores con netos, para abordar situacións que se lles presentan cos seus netos no día a día.

“Trátase de conxugar toda a experiencia que xa teñen como avós e pais” comentan na asociación, “co coñecemento de realidades e tendencias máis ou menos novas para eles en temas como tecnoloxía e redes sociais, resolución de conflitos e acoso escolar, ferramentas lúdico-educativas, etcétera”. 

O programa está baseado nunha metodoloxía dinámica e consta de varias fases. 

A primeira é aquela que se celebra en grupo e que se denomina 'Escola'. Conta cunha estrutura establecida e sesións de carácter semanal. Na denominada 'Individual' trabállase de maneira personalizada coas persoas maiores que o soliciten e márcanse as citas necesarias. Ademais, existe unha fase grupal ou 'Axuda mutua' na que os participantes escollen aqueles temas sobre os que queiran profundar e actualizarse.

Tema: Xeral
Fonte: entremayores
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal