Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Premios Tiflos de Xornalismo.

A ONCE convoca a XX Edición dos seus Premios Tiflos de Xornalismo

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 08/08/17 (12:24)

A ONCE convocou a XX Edición dos seus Premios Tiflos de Xornalismo nas súas distintas categorías de Prensa Escrita, Radio, Televisión e Xornalismo Dixital, cunha dotación económica de 9.000 euros para cada un dos gañadores. Son uns premios xa consolidados e valorados entre a profesión xornalística.

O Premio outorgarase aos traballos publicados en medios de comunicación do Estado español que, en opinión do xurado, mellor exalten os valores relacionados coa integración das persoas con discapacidade e a supresión de barreiras físicas e mentais que, en determinadas ocasións impón a sociedade.

Os traballos poderán presentarse en calquera lingua oficial do Estado, tendo en conta que os que se presenten nunha lingua distinta ao castelán deben achegar a correspondente tradución, para facilitar o labor do xurado. Os Premios Tiflos de Xornalismo terán catro apartados: Prensa Escrita, Radio, Televisión e Xornalismo Dixital. O mesmo traballo non poderá optar a dúas categorías.

Os traballos, sen extensión nin formato predeterminados, deben ser publicados ou emitidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017, e a data de recepción dos mesmos conclúe o venres 26 de xaneiro de 2018. Deben remitirse por triplicado ao Consello Xeral da ONCE, Dirección de Comunicación e Imaxe, rúa da Coruña, 18, 28020 Madrid, facendo constar no sobre que se dirixen aos “PREMIOS TIFLOS DE XORNALISMO”.

No interior farase constar o nome, domicilio, teléfono, fax (no caso de que o tivese) e correo electrónico, así como o medio e a data nos que foi publicado ou emitido o traballo concursante.

O xurado estará integrado por destacadas personalidades do xornalismo e un representante da ONCE, dando a coñecer o seu fallo inapelable non máis tarde do último día hábil do mes de maio de 2018. A entrega dos premios terá lugar antes do 31 de xullo de 2018, en Madrid.

As bases dos Premios Tiflos de Xornalismo da ONCE poden consultarse en www.once.es (Sección Sala de Prensa, Certames e Premios).

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a
Galicia