Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Fotograma vídeo ictus.

Povisa produce máis dun cento de vídeos sobre coidados ao paciente na casa

Versión para impresiónSend by email
Vigo, 22/05/17 (12:20)
  • No caso do ictus, utilizáronse pacientes reais para darlle maior verosimilitude
  • Participaron médicos, fisioterapeutas e terapeutas ocupacionais do servizo de Rehabilitación
  • Serán publicados na web de Povisa, para que poidan ser visionados por calquera persoa
  • O hospital habilita tamén un correo electrónico para responder as dúbidas que poidan xurdir

Un equipo de médicos, fisioterapeutas e terapeutas ocupacionais do servizo de Rehabilitación de Povisa produciu máis dun cento de vídeos dirixidos aos familiares de enfermos que adquiriron algunha discapacidade por patoloxías como o ictus, a disfaxia ou o linfedema.

Os vídeos serán publicados na páxina web de Povisa para que poidan ser utilizados por calquera persoa, sexa paciente ou non do hospital. O obxectivo é que os familiares ou as persoas ao cargo destes pacientes poidan visionar de forma clara como proceder correctamente cos coidados e movementos nos seus respectivos domicilios.

Para darlle o máximo realismo, no caso dos vídeos sobre ictus graváronse as escenas utilizando a pacientes reais, que aparecen na imaxe cun pixama de dúas cores, identificando a cor escura o lado paralizado e o claro o lado san. Os vídeos de ictus mostran como realizar os movementos do enfermo na cama, en que posición correcta colocalos, como levar a cabo as transferencias da cama á cadeira de rodas ou a unha cadeira normal, e viceversa, como levantalo da cadeira e como realizar as actividades da vida diaria. Cada movemento duplicouse, utilizando pacientes sempre reais que nun caso teñen o lado esquerdo do corpo paralizado e noutro o dereito.

Polo seu lado, os vídeos de disfaxia mostran recomendacións xerais dun foniatra e logopedas, neste caso con pacientes simulados, e manobras específicas para a abordaxe deste problema.

A publicación dos vídeos (www.povisa.es/rehabilitacion) iniciouse cunha primeira serie sobre ictus e disfaxia, e continuará nas vindeiras semanas ata completar máis dun cento. Ademais, habilitouse un correo electrónico específico (buzonrehabilitacion@povisa.es) para recibir e contestar as dúbidas que poidan xurdir tras o seu visionado.

 

Tema: Xeral
Fonte: Povisa
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal