Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Rosana Rielo.

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo estrea xeiras formativas con 10 obradoiros TIC

Versión para impresiónSend by email
Lugo, 19/05/17 (11:03)

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, tal e como se anunciou con motivo da súa posta en marcha, quere ser un punto de encontro de internautas pero, tamén, un polo de información e formación dende o miolo mesmo da cidade vella. Nesta liña, o Concello vén de dar conta do arrinque da actividade formativa con 10 obradoiros tecnolóxicos de balde aos que se suma unha clase maxistral sobre fotografía. O comezo desta andaina divulgativa e educativa foi dado a coñecer este martes pola concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, que fixo saber que os obradoiros van dirixidos a públicos de todas as idades e que están programados para ser desenvolvidos entre o 29 de maio e o 30 de xuño.

Rielo explicou que as xeiras divulgativas son sobre todo pílulas formativas de pequeno formato que teñen, amais de divulgar, o obxectivo de ver cales son as temáticas de meirande interese entre a cidadanía, co fin de ir afondando nelas en datas vindeiras. Ao seu xuízo, os obradoiros serán a maiores unha “excelente oportunidade para mostrar as vantaxes das novas tecnoloxías, mellorar as competencias dixitais e impulsar o desenvolvemento persoal no ámbito da tecnoloxía”. O abano temático a tratar será, polo tanto, amplo de abondo. Deste xeito, informou Rielo, tocaranse nos obradoiros cuestións como os trámites electrónicos coa Administración, a iniciación á informática, o emprego de smartphones, a Internet segura, o posicionamento web e SEO, as redes sociais, o retoque fotográfico co smartphone, o comercio electrónico ou a creación de aplicacións móbiles.

Para inscribirse nalgún destes cursos é necesario achegarse ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a sábado, de 10:00 a 13:00 horas, e de 16:00 a 21:00 horas.

A inscrición realizarase até as 20:00 horas do xoves anterior ao inicio do curso, data distinta para cada unha das accións. Cada persoa só poderá concorrer en dous cursos. A listaxe de persoas admitidas poderase consultar na páxina web do Concello, www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do 010.

Tal e como anunciou a edil, esta programación tamén inclúe unha clase maxistral de fotografía artística dixital, a cargo de Álvaro Barreiro, o día 27 de maio, de 17:00 a 19:00 horas. A través deste obradoiro abrangueranse cuestións sobre o uso de ferramentas e recursos como Photoshop ou ligthroom, entre outros. Será na sala de usos múltiples do edificio, con entrada libre até completar aforo.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a
Galicia