Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación dos proxectos.

A Fundación Vodafone España presenta en Barcelona os proxectos que mostrará no Mobile World Congress 2017

Versión para impresiónSend by email
Barcelona, 16/02/17 (14:11)
  • Presentaron en Barcelona as solucións que se mostrarán na próxima edición do Mobile World Congress (do 27 de febreiro ao o 2 de marzo), dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade a través da tecnoloxía.

 

Ao longo do acto, presidido por Santiago Moreno, Director Xeral da Fundación Vodafone España, e Albert Buxadé, Director de Vodafone en Cataluña, presentáronse aplicacións que facilitan a accesibilidade de distintos colectivos ás vantaxes dos dispositivos móbiles, incluíndo solucións de teleasistencia e xogos accesibles para todos.

Teleasistencia Móbil Accesible

A Fundación de Tecnoloxías Sociais (TECSOS), unha iniciativa de Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España, presentará no Mobile World Congress o seu proxecto de Teleasistencia Móbil Accesible. Pioneira na teleasistencia móbil, TECSOS achégaa agora a persoas con discapacidade auditiva, visual ou física, facéndoa universal e compatible con produtos de apoio como lectores de pantalla e pulsadores.

TECSOS serviuse ademais da aplicación EVA Facial Mouse, desenvolvida polo tarraconense César Mauri, en colaboración coa Fundación Vodafone, para permitir o acceso ao servizo mediante o seguimento do rostro do usuario a través da cámara frontal dos dispositivos. EVA Facial Mouse, que conta xa con máis de 470.000 descargas, será a especial protagonista da próxima edición do Mobile World Congress, xa que se atopa entre as solucións nomeadas para os Global Mobile Awards 2017 da GSMA na categoría “Best Use of Mobile for Accessibility & Inclusion”.

Xogos accesibles para todos os colectivos

A Fundación Vodafone presentará no congreso dúas solucións móbiles desenvolvidas para achegar os xogos a persoas con discapacidade. A primeira delas, o “Adestramento Cerebral ONCE-Vodafone”, inclúe unha serie de xogos accesibles a persoas con discapacidade visual grave, os primeiros do mundo en ser deseñados especificamente para as persoas cegas, e aos que tamén podemos xogar todos. Grazas a estes xogos, os usuarios poden adestrar a súa mente en áreas como a memoria, o cálculo ou as funcións executivas á vez que se divirten. Os nove xogos dispoñibles ata agora están recompilados na aplicación Unobrain e están dispoñibles de forma gratuíta para iOS e Android para aqueles que utilizan os servizos de accesibilidade como lectores de pantalla.

Doutra banda, tamén mostrarán Bocciapp, unha aplicación accesible que recrea o popular deporte da boccia, dispoñible en Android tamén de forma gratuíta. Bocciapp pode xogarse tanto pulsando a pantalla táctil do móbil como con pulsadores, permitindo o seu uso por parte de persoas con parálise cerebral e discapacidade física.

 

A barcelonesa App&Town, gañadora nos X Premios de Innovación da Fundación

Na caseta de Vodafone do Mobile World Congress tamén estará presente un dos proxectos galardoados na última edición dos Premios Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións: a barcelonesa App&Town, desenvolvida por Massfactory, é un sistema que permite ás persoas con discapacidade intelectual, problemas de saúde mental e con risco de desorientación, realizar desprazamentos en transporte público cun guiado a través dunha aplicación móbil e unha monitoraxe constante.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Vodafone España
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a
Galicia