Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Aliados dixitais.

O Plan de Inclusión Dixital 2020 da Amtega conta con cinco novos aliados dixitais

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 14/02/17 (18:12)
  • Os concellos de Arbo e Sober, a Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia, e as empresas ICONWEB e SENES CIT veñen de formalizar a súa adhesión
  • O Plan conta xa con 758 aliados dixitais entre entidades, asociacións, empresas e organismos públicos e persoas voluntarias
  • As novas entidades colaboradoras suman recursos e iniciativas para poñer en marcha novas actuacións de capacitación dixital

 

Nas últimas semanas, cinco novos aliados dixitais formalizaron a súa adhesión ao Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Os concellos de Arbo e Sober, a Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia, e as empresas ICONWEB e SENES CIT sumarán os seus esforzos e recursos para poñer en marcha novas actuacións nos tres eixos do Plan de Inclusión Dixital: alfabetización dixital, capacitación dixital e innovación social dixital e participativa.

Os municipios de Arbo e Sober colaborarán na difusión da inclusión dixital nas súas localidades, organizando actividades formativas, eventos ou iniciativas de divulgación e dinamización das TICs.

A Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia (EFA Galicia), ten como obxectivo a promoción colectiva do medio rural e conta ademais, cunha participación activa no CDTIC (Centro Demostrador TIC de Galicia). Como aliado dixital EFA Galicia participará dinamizando a rede de aulas CeMIT con actividades formativas en solucións TIC especializadas, seminarios e iniciativas singulares con outros aliados dixitais e coa colaboración de persoas voluntarias. Todas estas actividades estarán orientadas a dar resposta e solucións aos problemas e necesidades que se presentan nas zonas rurais da Comunidade.

A axencia de deseño e marketing ICONWEB adhírese ao Plan para desenvolver actividades de capacitación dixital, difusión e sensibilización de novos produtos e servizos tecnolóxicos que interesen á cidadanía. Tamén participará na actividade formativa das aulas da Rede CeMIT e en iniciativas en colaboración con outros aliados dixitais.

A empresa SENES CIT (Centro de Iniciativas transversais) súmase a esta alianza dixital cun amplo catálogo de servizos en proxectos de alfabetización dixital, en especial, para persoas maiores e en formación para a busca activa de emprego, e-commerce, marketing dixital e competencia dixital en ofimática (CODIX). Tamén achegará a súa experiencia en proxectos de Innovación Social Dixital como o deseño de aplicacións móbiles para sensibilizar á poboación escolar contra a violencia de xénero, bullying e outros tipos de ciberacoso.

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia do Goberno autonómico para facilitar que calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, poida avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, consenso, implicación e participación de todos os axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta xa con máis de 750 aliados dixitais.

Este novo modelo de relación e participación articúlase por medio dunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) que permite que todas as entidades, empresas, asociacións e organismos interesados en colaborar co Plan poidan adherirse coma aliados dixitais de forma telemática na sede electrónica da Xunta de Galicia, se así o desexan.

Tema: Xeral
Fonte: AMTEGA
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a
Galicia