Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Gerardo Crespo, presidente do Cluster TIC de Galicia, nunha imaxe de Almara publ

O Cluster TIC amosa o seu apoio á iniciativa de voluntariado para loitar contra a exclusión dixital

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 22/03/12 (10:31)

O acto de posta en marcha do programa formativo de Voluntariado Dixital celebrado no CNTG de Santiago, do que falamos onte polo miúdo, tamén contou coa presenza do presidente do Cluster TIC de Galicia, Gerardo Crespo, quen participou pola tarde na mesa redonda Experiencias de éxito no ámbito do voluntariado e as novas tecnoloxías. Crespo fixo fincapé no apoio da organización que dirixe á iniciativa solidaria e defendeu que as novas tecnoloxías ofrecen extraordinarias oportunidades para pór en marcha formas innovadoras de voluntariado e participación social, fixo unha exposición sobre os principais retos aos que se enfronta o sector TIC galego e explicou cales son as principais liñas de traballo do Cluster. Segundo nos fixo saber en persoa o presidente da plataforma empresarial, esta comparte ao cen por cen os obxectivos do Programa de Voluntariado Dixital, de aí que a colaboración “sexa lóxica e positiva para ámbalas dúas partes”.
Na súa opinión, o sector TIC galego é o soporte natural para o desenvolvemento de recursos e plataformas que permitan impulsar novas formas de participación social na nosa terra. Á súa vez, engadiu, o voluntariado dixital ten moito que achegar ao sector, “na medida en que contribúe a incorporar ferramentas TIC á vida cotiá dos cidadáns”. A contribución do Cluster TIC nesta iniciativa da Secretaría Xeral de Modernización e a Dirección Xeral de Xuventude, baséase en poñer o Cluster a disposición dos xestores do programa “para seguir contribuíndo en formación ou en desenvolvemento de recursos tecnolóxico-dixitais que axuden a acadar os obxectivos propostos”. Por outra banda, dixo, algunhas empresas membros do Cluster xa teñen manifestado os seu compromiso para exercer como mecenas dixitais, apoiando o programa con achegas en formación, cesión de espazos, financiamento de eventos ou cesión de material informático.
No que atinxe á súa opinión sobre Voluntariado Dixital, Gerardo Crespo salientou as súas “vantaxes”. Ao seu xuízo, a acción voluntaria é fundamental para que os colectivos que, por diferentes motivos, teñen menos doado o uso das ferramentas TIC poidan beneficiarse destas. “Neste senso, o programa é un acerto”, dixo.
A xornada tamén contou coa participación, entre outras achegas, de Cristina Novo Díaz, terapeuta ocupacional do Centro de Novas Tecnoloxías de Fingoi (Centro de Recursos de Persoas con Discapacidade - COGAMI Lugo), Juan Ramón Salido Rodríguez (voluntario dixital en COGAMI Lugo), María Luisa Ansorena Hortega, presidenta de FETEGA-U.D.P, Mª Jesús Blanco Pérez, traballadora social, Rafael Rodríguez Gayoso, presidente da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) e Charo Iglesias Granja, coordinadora da Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos.

Tema: Xeral
Fonte: Santiago de Compostela
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal