Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
O presidente da Xunta durante a súa intervención tras a reunión do Consello

O presidente da Xunta destaca o bo ritmo de desenvolvemento dos programas Innova Saúde e Hospital 2050, con case o 70 por cento dos proxectos contratados ou licitados


  • Apunta que 15 das adxudicacións se realizaron mediante a modalidade de compra pública innovadora, por un importe de máis de 17 millóns de euros, e destaca que no 73% destas adxudicacións participan empresas galegas

  • Asegura que a iniciativa Innova Saúde busca un modelo asistencial máis centrado no paciente, máis áxil e seguro, con proxectos como a ‘Central de Imaxe Médica’, o ‘Hospital na casa’ ou a plataforma de ‘Teleasistencia multiespecialidade’

  • Subliña que coa segunda liña de innovación no Servizo Galego de Saúde o Hospital 2050 impulsará proxectos como por exemplo o de ‘Modernización das Urxencias’, o de ‘Trazabilidade integral de pacientes e recursos’ ou o de ‘Hospital dixital seguro’

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 16/05/14 (08:23)

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o bo ritmo de desenvolvemento dos programas Innova Saúde e Hospital 2050
con case o 70% dos proxectos contratados ou licitados, o que significa que, dos preto de cen millóns de investimento que ambos os dous programas supoñen en total, están contratados ou licitados un 50%, é dicir, 47,6 millóns de euros.


Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, Feijóo apuntou que 15 das adxudicacións se realizaron mediante a modalidade de compra pública innovadora, por un importe de máis de 17 millóns de euros. Destacou, tamén, que no 73% destas adxudicacións participan empresas galegas e que, ademais, no 80% está presente unha peme.


Fronte estas cifras, o titular da Xunta afirmou que a Xunta está a dar os pasos para desenvolver un proxecto de innovación sanitaria que nunca se ten feito en Galicia, e que traerá consigo novos modelos de comportamento tanto en atención primaria como na especializada.


Innova Saúde: un modelo sanitario máis centrado no paciente


No tocante á iniciativa Innova Saúde, Feijóo afirmou que, grazas a ela, Galicia avanzará cara a un modelo de asistencia máis centrado no paciente, máis áxil e seguro. E, nesta liña, destacou proxectos como a ‘Central de imaxe médica’, unha plataforma tecnolóxica que permite que a imaxe médica estea dispoñible, con calidade diagnóstica, para todos os profesionais do Sergas con competencias sobre ela, independentemente do servizo no que se xere. En segundo lugar, citou o ‘Hospital na casa’, orientado aos pacientes oncolóxicos ou doutras patoloxías agudas, que busca afondar na hospitalización a domicilio e cuxo fin, dixo, é dotar o domicilio do paciente das ferramentas precisas que permitan un desempeño asistencial axeitado ás súas necesidades. Tamén mencionou a plataforma de ‘Teleasistencia multiespecialidade’, para desenvolver unha plataforma de vídeo e audio que permita interconsultas inmediatas entre profesionais de distintas especialidades que traballan cun mesmo paciente.


Na mesma liña, resaltou o proxecto do ‘Fogar dixital’, que establece produtos para que poida existir unha comunicación permanente co paciente, orientada á prevención e promoción da saúde, á vixilancia e ao seguimento de patoloxías -especialmente de carácter crónico. E referiuse, tamén, ao sistema de ‘Diagnóstico asistido por ordenador’, unha iniciativa que permitirá mellorar o diagnóstico precoz en función da sintomatoloxía que poida advertir un médico de atención primaria; é dicir, aumentar a produtividade e a calidade das tarefas diagnósticas desenvolvendo unha plataforma que ofreza servizos diagnósticos asistido por ordenador sobre imaxe médica.


A innovación ao servizo da atención sanitaria


No relacionado coa segunda liña de innovación no Servizo Galego de Saúde, o Hospital 2050, destacou que impulsará proxectos como por exemplo a ‘Modernización das Urxencias’. Ao respecto, sinalou que as plataformas de información permitirán ao persoal realizar unha mellor xestión dos recursos e asignar unha plantilla específica en función da patoloxía que presenta cada paciente de urxencias.


Doutra banda, referiuse á ‘Trazabilidade integral de pacientes e recursos’, é dicir, un sistema para poñer en funcionamento plataformas de planificación das actividades dos profesionais e lograr, por exemplo, mellorar os tempos de atención. E, en terceiro lugar, destacou o ‘Hospital dixital seguro’, destinado a blindar a seguridade da información confidencial que atinxe aos pacientes.


Feijóo lembrou que a gran partida deste orzamento do Hospital 2050 se está a centralizar no Hospital Público de Ourense, con 58 millóns de euros, onde se iniciarán, dixo, boa parte desta plataformas innovadoras, que teñen como fin “modernizar e mellorar o sistema sanitario e fomentar a innovación en Galicia”, concluíu.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal