Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Apps da Xunta finalista dos Premios Fundetec

As aplicacións móbiles da Xunta finalistas dos Premios Fundetec 2013


  • Foron seleccionados entre un total de 117 proxectos procedentes de 16 comunidades autónomas

  • Os gañadores daranse a coñecer o 20 de febreiro na cerimonia de entrega de premios, que se retransmitirá en streaming 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 11/02/14 (08:50)

As aplicacións da Xunta para o eido do emprego e a Educación, Mobem e Abalarmóbil, son un dos 12 proxectos finalistas da IX edición dos Premios Fundetec. A candidatura da Administración autonómica compite na categoría de Mellor Proxecto de Entidade Pública para a Cidadanía.


Estas dúas aplicacións inauguraron o espazo “Xunta de Galicia”, que se creou o ano pasado nas distintas plataformas móbiles do mercado para que os cidadáns teñan un punto único de acceso ás aplicacións da Administración.


Aplicacións para servizos fundamentais


Mobem, posibilita de forma sinxela, práctica e non presencial realizar aquelas xestións que non requiran a atención personalizada dun profesional do Servizo Público de Emprego de Galicia. Permite aos usuarios renovar a súa demanda de emprego desde o móbil, consultar en tempo real se son convocados a unha cita para a orientación laboral; se foron seleccionados para participar nun curso de formación; ou se, por exemplo, se atopan entre os candidatos dunha oferta laboral. Mobem está dispoñible para sistemas operativos IOS (equipos Apple), Android, RIM (Blackberry) e WindowsPhone.


AbalarMóbil permite aos pais seguir a actividade educativa dos seus fillos desde o seu smartphone. As familias que descarguen a aplicación poden consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo. A aplicación está dispoñible para os sistemas operativos IOS, a través da Apple Store e Android, desde a Play Store. Está operativa en 13 centros educativos e obxectivo é implantala de xeito progresivo ao longo deste curso en todos os centros Abalar.


Dez apps, 40.000 descargas en sete meses


A día de hoxe a Xunta ten publicadas dez aplicacións, xa que á Mobem e Abalarmóbil súmanse a do Diario Oficial de Galicia, as do eido do turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus) as relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute) e para a mocidade (Carné Xove). Nos últimos sete meses estas aplicacións suman máis de 40.000 descargas.


Premios Fundetec


Os premios Fundetec 2013 renovaron nesta edición as súas categorías para adaptalas á sociedade actual, e dar cabida a novos actores e tipos de proxectos, co fin de recoñecer o labor de entidades que facilitan o acceso de cidadáns e pemes ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). As categorías son, Mellor Proxecto de Entidade Non Lucrativa para a Cidadanía,Mellor Proxecto de Entidade Pública para a Cidadanía, Mellor Produto ou Servizo de Microempresa de base tecnolóxica para o aumento da competitividade das pemes e Mellor Proxecto de Entidade Privada para o Fomento da Cidade Intelixente.


Os catro gañadores, elixidos por un Xurado composto por personalidades de recoñecido prestixio do ámbito da Sociedade da Información e a innovación, daranse a coñecer durante a cerimonia de entrega de premios, que terá lugar o xoves 20 de febreiro en Madrid e emitirase en streaming vía web a través de www.premiosfundetec.com [nova venta] .


Fundetec


Fundetec (www.fundetec.es [nova venta] ) é unha fundación público-privada sen ánimo de lucro cuxo principal obxectivo é contribuír ao fomento da Sociedade da Información en España mediante o desenvolvemento de iniciativas que favorezan o aumento do uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) por parte de cidadáns, pemes e autónomos e administracións públicas, así como a mellora da experiencia do usuario e as súas competencias dixitais.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal