Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
 Premios ao Voluntariado Universitario de Mutua Madrileña

A Fundación Mutua Madrileña convoca os ‘I Premios ao Voluntariado Universitario’ para fomentar a acción social entre os mozos

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/08/13 (09:45)

A Fundación Mutua Madrileña convoca a primeira edición dos seus I Premios ao Voluntariado Universitario para recoñecer e promover o voluntariado social entre os mozos españois.

Con esta iniciativa, a Fundación invita a presentar iniciativas ata o 30 de setembro a estudantes e recén titulados de calquera Universidade pública ou privada. Búscase estimular o nacemento de proxectos de solidariedade e contribuír a financiar proxectos xa existentes, sempre que os universitarios os desenvolvan da man dunha ONG ou entidade sen ánimo de lucro.

Pode participar calquera iniciativa de apoio a calquera colectivo e ámbito, sen límite de temas (educación, alimentación, innovación...), sempre que estea xustificada a necesidade do mesmo e que o desenvolvan universitarios ou recén licenciado no marco dunha ONG, que será quen reciba a contía do premio para promover ou seguir desenvolvendo a acción social premiada.

Obxectivo: estimular a acción social entre os mozos

A acción ten como obxectivo fundamental recoñecer, apoiar e promover o labor dos mozos universitarios que colaboran en proxectos de voluntariado social, e quere cumprir cunha triple finalidade:

  • Axudar a promover o voluntariado xuvenil.
  • Premiar e apoiar o desenvolvemento dos mellores proxectos de voluntariado universitario.
  • Poñer en valor e dar visibilidade ao espírito solidario dos mozos españois.

Condicións para participar

Para presentarse á convocatoria, os proxectos teñen que:

  • Ser traballos de voluntariado desenvolvidos por un grupo (non iniciativas individuais) de mozos universitarios españois de calquera titulación.
  • Ser iniciativas feitas por voluntarios vinculados a ONG ou entidades sen ánimo de lucro que operen tanto en España como fóra das nosas fronteiras
  • Os proxectos puideron ser desenvolvidos durante o ano 2013 ou ben ter previsto o seu inicio no primeiro trimestre do 2014.

A Fundación Mutua Madrileña concederá seis premios, que suman un total de 25.000 euros. A axuda económica destinarase ao proxecto concreto que os gañadores estean a desenvolver cun primeiro premio de 5.000 euros e cinco segundos premios de 4.000 euros cada un.

Os detalles completos están recollidos nas bases dos premios, que poden consultarse en www.premiosvoluntariado.com

Dez anos de actividade

A Fundación Mutua Madrileña naceu en 2003 co obxectivo principal de apoiar á investigación médica no noso país e, dende entón, colaborou con máis de 1.000 proxectos de investigación médica en toda España. En 2009, ampliou os seus ámbitos de actuación á saúde (centrándose, xunto á investigación, na prevención), a cultura, a acción social e a seguridade vial.

Nestes dez anos loitou contra as principais enfermidades, axudou a máis dun centenar de ONG a levar a cabo os seus proxectos de acción social, subvencionou centos de mozos para que poidan ampliar os seus estudos no estranxeiro, contribuíu a que miles de mozos conduzan con máis prudencia, promoveu o voluntariado corporativo para axudar os máis desfavorecidos e achegou as artes e a música a miles de nenos e adultos.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Mutua Madrileña
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal