Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación da iniciativa.

Galicia súmase ao programa Aquae STEM para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 22/10/19 (08:26)
  • A iniciativa, promovida por Viaqua, baséase nunha serie de retos arredor do desenvolvemento sostible que o alumnado deberá resolver con recursos tecnolóxicos

 

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o director xeral de Viaqua, Julio Masid, participaron onte na presentación do programa Aquae STEM, que chega aos centros de primaria galegos para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas, especialmente entre as nenas, a través da creatividade e a innovación. A iniciativa, promovida por Viaqua, foi presentada pola directora de Desenvolvemento Sostible desta compañía, Leticia Rodríguez, coa presenza tamén de representantes dos centros participantes. Un total de 10 centros galegos participarán este curso na primeira edición do programa, dirixido a alumnado de 2º a 6º de Primaria.

No acto de presentación, a conselleira Carmen Pomar apuntou que a fenda de xénero nas vocacións STEM “é un feito incontestable” que hai que atallar dándolle un impulso á vocación científica desde as idades máis temperás “e buscar referentes, sobre todo femininos, modelos necesarios para que as nosas alumnas comproben que o xénero non é impedimento para realizar todo o que se propoñan”.

Este é un dos obxectivos da Estratexia galega de educación dixital, Edudixital 2020, posto en marcha pola Consellería de Educación para dar impulso ás competencias STEM desde a etapa de Primaria e acompañando ao alumnado durante toda a súa traxectoria formativa. Ao abeiro desta Estratexia, Carmen Pomar sinalou accións como a introdución da Robótica como materia de libre configuración autonómica para que o alumnado de 4º e 6º de primaria se inicie na programación básica, na robótica e na construción; os espazos Maker, como lugares de fomento da creatividade e a formación para aprender facendo a través do deseño; ou os Clubs de Ciencia, como espazos de aprendizaxe non formal para dar resposta á curiosidade dos mozos e mozas, entre outros.

Actividades prácticas

O programa Aquae STEM que se presentou onte consiste no desenvolvemento de varias actividades prácticas que se realizarán na aula e na contorna dixital pensadas para espertar o interese do alumnado en xeral e das nenas en particular polas competencias STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). O proxecto pon tamén o foco en sensibilizar o entorno das alumnas (familia, compañeiros de clase...), para que se sintan apoiadas no desenvolvemento das súas vocacións científicas e tecnolóxicas.

Está previsto que neste primeiro ano de funcionamento o programa chegue a 3.500 alumnas de centros educativos das Comunidades Autónomas nas que se inicia (Andalucía, Comunidade Valenciana, Rexión de Murcia, Castela-A Mancha, Castela e León e Galicia).

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal