Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mar Capeáns.

Mar Capeáns, científica do CERN, intervén hoxe no programa Girl STEM

Versión para impresiónSend by email
Pontevedra, 14/10/19 (11:10)

Seguen adiante as actividades de impulso de vocacións tecnolóxicas femininas de Girl STEM, o programa divulgativo de AGASOL e AMTEGA. Hoxe pola mañá é a quenda de Mar Capeáns, científica senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear). A sesión coa rapazada será no Pazo da Cultura de Pontevedra entre as 11:30 e as 13:00. Participará alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES de Chapela, CPI Toural de Vilaboa, o IES Plurilingüe Anton Losada Diéguez da Estrada, e os IES A Xunqueira I e II.

Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Mar Capeáns intentará desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Posteriormente, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces dos institutos convocados. Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.

Quen é Mar Capeáns

Científica senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear) en Xenebra, Suíza, Mar Capeáns é doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, e posúe un MBA en Xestión de proxectos tecnolóxicos pola École Polytechnique Fédérale e Universidade de Lausanne (Suíza). Incorporouse ao CERN en 1992, para realizar o seu mestrado e doutoramento no grupo de desenvolvemento de detectores de Georges Charpak, premio Nobel de Física ese mesmo ano.

Tras seis anos traballando en proxectos de I+D para atopar as tecnoloxías de detección apropiadas para os experimentos do Large Hadron Collider ( LHC), en 1998 únese ao laboratorio Deutsches Elektronen- Synchrotron (DESY) en Alemaña e participa no deseño, a construción e posta a punto do detector do experimento HERA-B. No ano 2000 regresa ao CERN e en 2001 incorpórase como membro do persoal científico do CERN ao experimento ATLAS do LHC, onde desenvolve a súa actividade no deseño e construción do detector. Experta no deseño e construción de detectores de partículas e a xestión de grandes proxectos tecnolóxicos, lidera o grupo de Tecnoloxía de Detectores do CERN desde 2012 ata 2017.

En 2017 a Doutora Capeáns lidera o grupo de xestión de proxectos do Departamento de Tecnoloxía do CERN. En 2019 é nomeada coordinadora técnica para liderar as melloras tecnolóxicas do experimento CMS para HL- LHC, a futura fase do proxecto LHC. A doutora Capeáns publicou máis de 450 artigos científicos no campo da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST), e serviu como asesora en consellos científicos e na avaliación de financiamento competitivo de programas de física de partículas para programas da Comisión Europea e tamén en proxectos internacionais.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal