Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Foto de grupo dos premiados pola OMT.

O proxecto Amuse, da Fundación ONCE, Premio da OMT á Innovación en ONG

Versión para impresiónSend by email
San Petersburgo, 12/09/19 (08:29)
  • Foi desenvolvido por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade 
O proxecto "Amuse", impulsado pola Fundación ONCE e desenvolvido por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, foi galardoado co Premio da Organización Mundial do Turismo (OMT) á innovación en organizacións non gobernamentais. Os galardóns foron entregados durante a cerimonia de clausura da Asemblea Xeral do organismo internacional que tivo lugar en San Petersburgo.
 
Os Premios da OMT recoñecen a contribución das institucións públicas e privadas, así como das organizacións non gobernamentais (ONG), ao desenvolvemento dun sector turístico máis competitivo, responsable e sustentable que se esforza por lograr a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable e os seus 17 ODS.  
 
Para Jose Luís Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, este premio supón "o apoio, a través deste proxecto, ao dereito que teñen todas as persoas con discapacidade para gozar da cultura e levar a cabo actividades de lecer como parte do turismo. Neste sentido, animamos ás administracións públicas e entidades culturais, para que impulsen a instalación deste tipo de avances tecnolóxicos que garanten a igualdade de todas as persoas."
 
Pola súa banda, a directora comercial de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, Pilar Soret, sinalou que "este premio da OMT recoñece o valor da accesibilidade como parte integrante das solucións tecnolóxicas ao servizo do turismo, contribuíndo á normalización desta característica, tanto no ámbito do turismo en xeral como no da tecnoloxía aplicada ao turismo".
 
Ao seu xuízo, esta distinción supón "un recoñecemento á actividade de desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao turismo que desde hai anos leva a cabo ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade e no que a accesibilidade sempre está considerada como condición básica para garantir o seu uso por todas as persoas e asegurar a non discriminación por condicións como a idade, discapacidade ou outras".
 

Que é "Amuse"?

"Amuse" é un innovador sistema de guiado, baseado na tecnoloxía das balizas intelixentes "beepcons", que facilita ás persoas con discapacidade o acceso á información dos contidos dos museos. 
 
A través de "Amuse" e alí onde estea instalado este sistema, o usuario pode elixir dúas modalidades de visita: Guiada ou libre. En cada unha delas, accederá á información sobre as obras expostas, así como a vídeos e audios explicativos.
 
Así mesmo, incorpora recoñecemento automático de imaxes para poder acceder á información de calquera obra con só enfocala co dispositivo móbil. Tamén inclúe o modo xogo, co cal o visitante poderá aprender aínda máis e dunha maneira diferente e divertida acerca dos traballos expostos. 
 

Vídeos accesibles

Para as persoas con discapacidade, Amuse inclúe información sobre o tipo de accesibilidade, así como vídeos explicativos en lingua de signos e audiodescritos.  
 
Amuse xa está instalado en Tabacalera – Promoción da arte, espazo dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no que se desenvolve un programa permanente de exposicións temporais e de actividades ao redor da fotografía, a arte contemporánea e as artes visuais.
 
Actualmente, esta "app" atópase dispoñible para móbiles compatibles con bluetooth de baixa enerxía ("Bluetooth Low Energy") para os sistemas operativos iOS e Android. Tamén conta cunha ferramenta en liña, que permite que o cliente actualice a través de internet os contidos e os xogos cantas veces estime oportuno e dunha forma rápida, sinxela e sen custo adicional.
Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal