Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Ricardo Chavarriaga.

A Fundación ONCE aborda os beneficios da interacción home-máquina para as persoas con discapacidade

Versión para impresiónSend by email
Málaga, 11/09/19 (08:22)
  • Na conferencia inaugural do Congreso de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade a cargo do profesor Ricardo Chavarriaga
 
A Fundación ONCE abordará os beneficios que a tecnoloxía BCI (Brain-Computer Interface), baseada na interacción home-máquina, pode achegar ás persoas con discapacidade e mellorar a súa calidade de vida. Será no marco do Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade que terá lugar en Málaga do 23 ao 25 de outubro.
 
Ricardo Chavarriaga, profesor e principal investigador da Ecole Polytechnique Fédérale de Lausana, en Suíza, será o encargado de impartir a conferencia inaugural. Disertará sobre a Interacción Cerebro-Computador (Brain Computer Interaction en inglés), unha tecnoloxía que se basea na adquisición de ondas cerebrais para daquela ser procesadas e interpretadas por unha máquina ou computador.
 
Os beneficios desta tecnoloxía para todas as persoas e como as innovacións neste ámbito poden mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, serán o tema central da súa intervención. 
 

Congreso Tecnoloxía e Turismo

Por segundo ano consecutivo, o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade, organizado pola Fundación ONCE, terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos da capital malagueña. Nesta terceira edición mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos e servizos melloran a vida de todas as persoas.
 
O Congreso estará aberto a propostas relacionadas coas Tecnoloxías e Servizos de Acceso á Información e a Comunicación, a interacción persoa máquina, o fogar dixital e a vida independente, a robótica para a autonomía persoal, as "smart city", a realidade aumentada, o turismo para todas as persoas, a accesibilidade nos seus distintos aspectos e as regulacións e normas relativas ao turismo. 
 
Expón unha gran diversidade de temas, materias e proxectos de toda índole no campo da tecnoloxía e o turismo para favorecer a integración e inclusión das persoas con discapacidade.
 
O seu obxectivo é mostrar o que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos ou servizos poden facer polas persoas. "As persoas, os dereitos, a innovación e os produtos e servizos que se ofrecen, son elementos que se deben ter en conta neste século XXI para poder atender as necesidades individuais dentro dunha oferta global".
 
 
Ricardo Chavarriaga
Enxeñeiro en Electrónica da Pontificia Universidade Javeriana en Cali, Colombia. É un apaixonado por temas de innovación responsable e o efecto da tecnoloxía na sociedade. Ten máis de 12 anos de experiencia en interfaces cerebrais, neurociencia computacional e intelixencia artificial. O seu traballo enfócase no desenvolvemento de neurotecnoloxías que promoven unha relación simbiótica entre humanos e dispositivos artificiais. Para iso, baséase no estudo dos procesos cognitivos, o desenvolvemento de sistemas artificiais que se adaptan ás capacidades e preferencias dos seus usuarios, así como o uso de técnicas de deseño centrado no usuario.

 

Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal