Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes nunha edición anterior da XGN Encounter diante dos seus ordenadores.

Abertas as pre-inscricións para edición 19 de XGN R Encounter

Versión para impresiónSend by email
Silleda, 11/09/19 (08:11)

A Feira Internacional de Galicia Abanca acollerá do 11 ao 13 de outubro a décimo novena edición do histórico encontro informático xuvenil XGN R Encounter, que chega á súa terceira convocatoria con patrocinio e colaboración de R (19 edicións en total). A cita, que tamén contará co apoio da Consellería de Política Social, abriu o seu prazo de pre-inscrición este 10 de setembro.

Pola súa banda, o prazo de reservas comezará ás 10.00 h do martes 17 de setembro. Segundo informan as entidades organizadoras, “será daquela cando os rexistrados poderán tamén seleccionar os seus postos, o que facilitará aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona da party”. O prezo de participación con reserva será de 35 euros e poderase realizar a través da web, mentres que o custo na billeteira será de 40 euros.

Nesta edición a macro-quedada volve contar coas súas tres zonas: a Intranet, na que os inscritos poderán gozar dun posto con conexión á rede que lles permitirá navegar a 10 Gbps de velocidade e terán dereito tanto a acampar no interior do pavillón como a participar en torneos exclusivos; a Extranet, cun completo programa de actividades tanto para rexistrados como para visitantes, e a súa Zona Expositiva, con presenza de empresas relacionadas co material informático, novas tecnoloxías e lecer electrónico.

A cita abrirá as súas portas de xeito non oficial o día 10 pola tarde. A apertura “oficial” será o día seguinte. Haberá melloras e novidades, co obxectivo de situar o encontro entre os máis importantes de España: na cabeza da clasificación das partys estatais. Segundo informa R, para tal fin “serán determinantes” os vencellos coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel a través da súa Fundación, que vén desenvolvéndose en Euskadi desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense.

A última edición da cita galega, que se celebrou do 12 ao 14 de outubro do ano pasado, supuxo “un gran paso nun proxecto de crecemento que xa comezara na súa convocatoria anterior e que en 2018 destacou pola notable cantidade e calidade das actividades, o maior confort dos asistentes e a gran estabilidade da rede”, sinalan as entidades organizadoras, que salientan tamén o alto número de inscritos na dita convocatoria, que ascendeu a preto de 900 (fronte aos 800 da cita anterior).

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal