Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Manuel Bello e Ana Barreiro na presentación dos cursos.

A aula CeMIT de Ribeira achega este verán dous novos cursos TIC para a rapazada

Versión para impresiónSend by email
Ribeira, 29/07/19 (10:26)

A aula CeMIT de Ribeira vai organizar este mes de agosto dous cursos de balde con software libre sobre novas tecnoloxías dirixidos aos máis novos e impartidos por Manuel Bello, novo axente TIC encargado da xestión desta dependencia. A concelleira de Administración, Innovación Tecnolóxica e Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Ana Barreiro, manifestou na presentación destes cursos que se trata “dunha aposta pola alfabetización dixital e inclusión tecnolóxica dos cidadáns e cidadás e, como estamos en temporada estival, tócalle aos máis pequenos da casa.” Deste xeito, dixo, contribúese á conciliación.

O primeiro comprende o tramo de idade de 6 a 9 anos e desenvolverase do 6 ao 16 de agosto, en horario de 10.00 a 12.00 horas, cun cómputo total de 18 horas lectivas. Entre a materia impartida atópase o manexo básico do sistema (accesorios do sistema, crear carpetas e ordenar datos), coñecer o teclado, edición básica de texto, debuxar co ordenador, buscar imaxes en Internet, ordenar fotos e crear unha montaxe de imaxes. O segundo treito comprende a rapazada de 10 a 14 anos, desenvolvéndose do 20 ao 30 de agosto, en horario de 10.00 a 12.00 horas, cun cómputo total de 18 horas lectivas. Os asistentes aprenderán a manipulación de imaxes (descargar fotos de Internet, retocar e crear montaxe de imaxes), editar son e vídeo (descargar de Youtube, editar as descargas e engadir son). O Concello explicou que existe un límite de prazas establecido en 12 para cada unha das accións formativas e as inscricións estarán abertas desde o 29 de xullo ao 2 de agosto, podendo formalizarse tanto na páxina web do Concello www.ribeira.gal, dentro do apartado Aula CeMIT, coma nas propias instalacións situadas debaixo da escola infantil municipal, na rúa Cubeliños 1.

Por outra banda, a concelleira lembrou que a aula CeMIT está aberta para calquera persoa que queira facer consultas ou suxestións sobre aspectos relacionados coas novas tecnoloxías.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal