Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mánoa robótica de TEO fai movementos similares aos que podería realizar unha man humana. / UC3M.

Un robot humanoide español exprésase en lingua de signos

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 15/07/19 (13:41)
  • Enxeñeiros da Universidade Carlos III de Madrid lograron que un robot chamado TEO se poida comunicar en lingua de signos con persoas xordas. Para iso, combinaron tecnoloxías de intelixencia artificial, redes neurais e visión artificial.

 

Un equipo da UC3M conseguiu que TEO, un robot humanoide de uso doméstico desenvolvido no seo do Robotics Lab da UC3M, se exprese en lingua de signos. 

Segundo os autores, para que un robot poida "aprender" este tipo de linguaxe resulta necesario combinar distintas áreas da enxeñería, como a intelixencia artificial, as redes neurais e a visión artificial, ademais dunhas mans robóticas subactuadas.

"Unha das principais novidades desta investigación é que xuntamos dúas grandes partes da robótica: os sistemas complexos -como as mans robóticas- e a interacción e comunicación social", explica un dos investigadores, Juan Víctores.

No marco desta investigación, o primeiro que fixeron estes científicos é indicar, a través dunha simulación, a posición concreta de cada falanxe para representar determinados signos da lingua de signos española. Posteriormente, trataron de representar esta posición mediante a man robótica, tentando que os movementos fosen similares aos que podería realizar unha man humana.

Redes neurais

"O obxectivo é que queden parecidos e, sobre todo, naturais. Para iso, próbanse varios tipos de redes neurais co fin de que modelen esta adaptación e, así, elixir aquela que logre facer os xestos de forma comprensible para as persoas que se comunican coa lingua de signos", explican os investigadores. 

Por último, validaron o funcionamento do sistema interactuando con potenciais usuarios finais. "As persoas xordas que estiveron en contacto co robot mostraron un 80 % de satisfacción, co cal a resposta foi moi positiva", indica Jennifer J. Gago, outra das autoras.

De momento, TEO xa manexa o alfabeto dactilolóxico, que é o abecedario da lingua de signos, ademais dun vocabulario moi básico que ten que ver cos labores do fogar, explica esta investigadora. Un dos retos aos que se enfrontan agora para seguir desenvolvendo este sistema é "a elaboración de xestos máis complexos, con frases completas", indica Bartek Lukawski, outro dos integrantes do equipo. 

O obxectivo máis amplo é que este tipo de robots poidan converterse en asistentes do fogar, que poidan axudar a pasar o ferro (TEO tamén o fai), a dobrar a roupa, servir a comida e interactuar cos usuarios en ambientes domésticos.

Ademais, "estas mans robóticas poderíanse implementar noutros humanoides e poderían ser usadas noutros ambientes e circunstancias", sinala  Gago. "O realmente importante é orientar todas as tecnoloxías, todos estes desenvolvementos que facemos, ao redor da inclusión de todos os membros da sociedade", recalca Víctores.

Tema: Xeral
Fonte: Agencia Sinc
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal