Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Foto de familia da entrega dos Premios Discapnet.

A súa Maxestade a Raíña entrega os Premios Discapnet da Fundación ONCE ás Tecnoloxías Accesibles

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 24/06/19 (09:23)
  • A súa Maxestade a raíña Dona Letizia presidiu este venres a entrega da V edición dos Premios Discapnet da Fundación ONCE ás Tecnoloxías Accesibles, uns galardóns que recoñecen a accesibilidade TIC e o compromiso coas persoas con discapacidade

 

Nesta quinta edición os Premios Discapnet recoñeceron ao produto "Irisbond Duo", da empresa Irisbond Crowdbonding, polo desenvolvemento dunha tecnoloxía de comunicación que permite manexar aplicacións coa mirada; a Inmaculada Placencia, experta senior en Discapacidade e Inclusión da Comisión Europea, pola súa traxectoria, e a "Marsi Care", da empresa Marsi Bionics, creadora de dous exoesqueletos personalizados para terapias de nenos con enfermidades neurolóxicas.

O acto de entrega dos Premios Discapnet contou coa presenza, entre outros, da secretaria de Estado de Servizos Sociais en funcións, Ana Lima, e o presidente do Grupo Social ONCE, Miguel Carballeda.

Na súa intervención, Carballeda felicitou aos galardoados e asegurou que son "uns premiados excelentes que achegan o mellor como persoas, empresas e entidades e que coas súas propostas melloran a nosa vida. Son a nosa mellor tarxeta de presentación ante o mundo", recalcou. Por último, agradeceu a presenza da raíña. "O feito de que nos acompañe a nosa raíña é un síntoma do compromiso da Casa Real coa discapacidade".

Como preámbulo da entrega destes premios os asistentes gozaron do espectáculo "Soños reais de corpos posibles" da compañía José Galán de flamenco inclusivo no que se funde tecnoloxía e arte.

Premiados

"Irisbond Duo", da empresa Irisbond Crowdbonding, é unha tecnoloxía de comunicación alternativa mediante interacción cos ollos desde a que existe compatibilidade con aplicacións de uso convencional, como son as plataformas de redes sociais, e con solucións de domótica. Beneficia especialmente a persoas con mobilidade reducida e dificultades na fala.

Pola súa banda, Inmaculada Placencia, experta senior en Discapacidade e Inclusión da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Igualdade da Comisión Europea, é un referente internacional en materia de accesibilidade TIC. As accións que impulsou mostran o seu alto nivel de compromiso co colectivo de persoas con discapacidade, destacando especialmente as relacionadas co desenvolvemento de normativa técnica e legal nesta materia.

Por último, "Marsi Care", da empresa Marsi Bionics recibiu o premio ao mellor proxecto de emprendemento con impacto social para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade a través das TIC. En concreto polo deseño dos exoesqueletos ATLAS e MAK para personalizar a terapia de enfermidades neurolóxicas. Aplicáronse desde 2015 a 11 nenos nos hospitais Sant Joan de Déu (Barcelona) e Ramón e Cajal (Madrid). O premio destinarase á creación dun centro para o desenvolvemento desta terapia.

Todos eles recibiron unha escultura, obra do artista cego afiliado á ONCE Juan Torre, inspirada nun traballo sobre fotografía accesible que leva a cabo desde o ano 2009.

V edición dos Premios Discapnet

Nesta V edición o xurado seleccionou un total de 9 proxectos entre as tres categorías desta convocatoria. Na primeira delas, que recoñece ao mellor produto ou servizo baseado nas TIC para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, tamén resultaron finalistas "Mínimo: App para adestramento da discriminación auditiva" da Fundación Dálles a Palabra, orientada a estimular o sentido auditivo mediante a comprensión da fala, e "Shriya Srinivasan", que deseñou un método de enxerto muscular rexenerativo que restaura a función neural dos pacientes.

Así mesmo, na segunda categoría, que distingue á persoa, empresa, entidade ou organización que máis destacase pola súa traxectoria continuada en materia de mellora da accesibilidade TIC, foron seleccionadas a Empresa Malagueña de Transportes, e The Trace Research & Development Center, centro internacional de investigación e desenvolvemento referente en materia de accesibilidade TIC.

Por último, na categoría referida ao proxecto de emprendemento que destaque por potenciar a accesibilidade TIC, tamén resultaron finalistas o Tradutor LSE Showleap Technology, tecnoloxía que traduce automaticamente a voz a lingua de signos, e Aisoy Robotics, que conta cun robot que pode axudar a potenciar a comunicación de persoas con discapacidade intelectual, especialmente a nenos con autismo.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal