Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Dous peregrinos facendo o camiño.

O Camiño de Santiago, protagonista no Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo da Fundación ONCE

Versión para impresiónSend by email
Málaga, 17/10/19 (12:32)
  • Celébrase en Málaga do 23 ao 25 de outubro 
O Camiño de Santiago será un dos temas protagonistas do Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo da Fundación ONCE, que terá lugar en Málaga do 23 ao 25 de outubro e que abordará, ademais, aspectos como o da mobilidade de pasaxeiros no futuro ou o da axuda que poden supoñer os robots a persoas maiores ou con discapacidade.
 
O encontro, que terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga, dedicará unha das súas mesas redondas a presentar "O Camiño de Santiago para todos", unha iniciativa coa que a Fundación ONCE pretende facilitar a peregrinación ás persoas con discapacidade amantes deste tipo de aventuras.
 
A mesa, titulada "Camiño de Santiago inclusivo", será o venres 25 de outubro, a partir das 12.30 horas, e nela a Fundación ONCE falará sobre as actuacións que está a levar a cabo para facer posible que as persoas con discapacidade sexan tamén peregrinas se o desexan.
 
Neste contexto, a entidade presentará a aplicación "Camiño de Santiago", unha iniciativa impulsada coa colaboración de Microsoft para que as persoas con discapacidade visual poidan percorrer autónomamente algunhas etapas do Camiño Francés.
 
Moderada por Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, e Mercè Luz, xefa do Departamento de Cultura e Lecer da Fundación ONCE, a mesa contará coa participación de Jarnail Chudge, arquitecto de deseño e innovación de Microsoft AI; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Rafael Olmedo, CEO de GEKO NAVSAT, e Carlos Busto, responsable da área informática do Centro de Información Xeográfica.
 
"O Camiño de Santiago para todos" é un proxecto concibido para mellorar a accesibilidade dos distintos camiños, empezando polo francés, o máis visitado polos peregrinos, que inclúe unha aplicación móbil con información accesible e fácil de entender, orientada especialmente ás persoas con discapacidade. 
 

Congreso Tecnoloxía e turismo

 
Por segundo ano consecutivo, o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade, organizado pola Fundación ONCE, terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos da capital malagueña. Nesta terceira edición mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos e servizos melloran a vida de todas as persoas.
 
O Congreso estará aberto a propostas relacionadas coas Tecnoloxías e Servizos de Acceso á Información e a Comunicación, a interacción persoa máquina, o fogar dixital e a vida independente, a robótica para a autonomía persoal, as "smart city", a realidade aumentada, o turismo para todas as persoas, a accesibilidade nos seus distintos aspectos e as regulacións e normas relativas ao turismo. 
 
Expón unha gran diversidade de temas, materias e proxectos de toda índole no campo da tecnoloxía e o turismo para favorecer a integración e inclusión das persoas con discapacidade.
 
O seu obxectivo é mostrar o que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos ou servizos poden facer polas persoas. "As persoas, os dereitos, a innovación e os produtos e servizos que se ofrecen son elementos que se deben ter en conta neste século XXI para poder atender as necesidades individuais dentro dunha oferta global".
 
Máis información sobre TTD-Congress 2019.
Tema: General
Fuente: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal